martes, 26 de xaneiro de 2021

Informe 3

 

𝔸 𝔻𝔼𝕊𝕋ℝ𝕌ℂℂ𝕀Óℕ 𝔻𝔸 ℂ𝔸ℙ𝔸 𝔻𝔼 𝕆ℤ𝕆ℕ𝕆

A capa de ozono é a zona da estratosfera terrestre (segunda capa da atmosfera) que contén unha concentración alta de ozono. Reúne o 90% do total do ozono da atmosfera. Atópase aproximadamente entre os 15 km aos 50 km de altitude.

As súas funcións son esenciais para a nosa vida. Filtra a prexudicial radiación dos raios ultravioletas (UV) procedentes do sol. Hai tres tipos de raios UV: os UVA, os UVB e os UVC; cada un máis daniño que o anterior. Bloquea por completo os UVC, gran parte dos UVB e algúns UVA. Faino reaccionando o ozono (O3) ca enerxía ultravioleta e dividíndose nunha molécula de osíxeno (O2) e un átomo simple de osíxeno (O). Esta reacción converte a radiación ultravioleta en calor. Deste xeito o ozono evita que os raios UV ingresen ás zonas máis baixas da atmosfera. Logo os átomos simples de osíxeno que quedaron na atmosfera vólvense a unir cas moléculas de osíxeno e volven a formar ozono. Ademais actúa como reserva dalgúns elementos químicos como son o carbono ou o nitróxeno.

A súa degradación provocou o quentamento do planeta, o que se soe chamar efecto invernadoiro, que ocasiona o cambio climático. Destruír a capa de ozono implicaría debilitar a protección contra os raios ultravioletas que provocan cancro de pel, cataratas e dano xenético no sistema inmunolóxico, polo que ocasionaría diferentes tipos de alerxias, ser máis propenso a padecer enfermidades autoinmunes e infeccións por bacterias e virus. Esta radiación inhibe o ciclo reprodutivo do fitoplancton, o cal pode contribuír a diminución da poboación de distintas especies de animais, como xa se observou na baixa taxa de reprodución de peixes, cangrexos e camaróns. Tamén podería causar cambios drásticos noutros ecosistemas dos que depende a nosa propia vida, como a alteración no proceso de fotosíntese, provocando modificacións nalgunhas plantas e a alteración no proceso de migración das aves ou no proceso de colleita de produtos agrícolas importantes como o son o trigo ou o millo. Se non se empezase a actuar contra isto as consecuencias serían devastadoras, no 2065 teriamos perdido dúas terceiras partes da capa de ozono, polo que o índice de radiación ultravioleta sería tan alto que provocaría queimaduras en cinco minutos.



As actividades humanas afectaron á capa de ozono, produciron un esgotamento progresivo do ozono na estratosfera, que se comezou a observar no 1970. Aínda que tamén pode ocorrer por causas naturais como erupción volcánicas, que liberan gases á atmosfera, isto non é realmente o que provoca o seu declive. Este esgotamento foi aumentando co paso das anos, ata que se produciu o que os científicos chaman buratos na capa de ozono, é dicir, lugares nos que a concentración de ozono está reducida.

Actualmente temos un destes buratos no continente ártico. Xa que as condicións climáticas desta rexión contribúen ás reaccións químicas que descompoñen o ozono. As temperaturas alí en inverno son de -90ºC e no verán de -80ºC, o que provoca que se formen nubes estratosféricas polares e illamento do aire estratosférico polar (ocasionado polo forte vento dos polos, que forman o vórtice polar, o cal impide que o aire circule pola estratosfera). Estes factores fan que se produzan reaccións de cloro e bromo, aumentando as concentracións destes. Aínda que non só a Antártida (Polo Sur), senón que tamén o Ártico (Polo Norte) experimenta isto, mais na primeira é máis grave.

Diversas medicións da concentración de ozono dende satélites, aeronaves e sensores dende a Terra indican que o ozono na atmosfera se reduciu un 5% entre a década de 1970 e mediados de 1990. Os científicos relacionaron esta redución do ozono na atmosfera co aumento de certos químicos nela. Estes son gases que conteñen cloro e bromo, os cales teñen o potencial de descompor o ozono na atmosfera. Existen distintas sustancias que afectan deste xeito á capa de ozono. Como o son os CFCs (clorofluorcarbonos), que foron empregados para fabricar refrixerantes, illantes e aerosois; ou tamén outros gases como o cloruro de metilo, os halóxenos e o bromuro.

Por iso a comunidade internacional fixo un gran esforzo por reducir o consumo e a produción destes gases (CFCs) e outros químicos daniños. Firmáronse varios protocolos nos que participaban diferentes países para frear o uso dos químicos que afectan ao ozono. Polo que agora só se consume un 1,6% do que se consumía en 1986. Grazas a isto observouse un incremento na concentración de ozono dende o 2000 e o burato da capa de ozono sobre a Antártida foi decrecendo. Porén o proceso de recuperación da capa de ozono estase dando lentamente, xa que se detectou unha nova produción de CFCs no este de Asia (ademais dos produtos antigos que seguen a emitir estes gases), polo que se espera que aínda a mediados deste século volvamos aos valores da década dos 60.










Ningún comentario:

Publicar un comentario

Cuestionario U4: A xeosfera (2ª parte)

 1. A enerxía xeotérmica é aquela que se obtén do calor interno da Terra, pódese obter das rocas ou de auga hidrotermal. Actualmente en Espa...